DESCRICIÓN XEOGRÁFICA
Concello de Boqueixón
A xeomorfoloxía
Os 73.09 quilómetros cadrados de Boqueixón sitúanse na vertente dereita do Río Ulla, nun sector do curso medio. Este Concello está constituído por unha sucesión de vales e montes que descenden cara o río Ulla. Forma parte do chamado Escalón de Santiago, que é o espazo morfolóxico que se estende dende a Dorsal galega cara ao Océano, coa forma dun peniplano arrasado que descende suavemente de altitude.
A topografía caracterízase pola súa suavidade, rompéndose esta tónica nalgúns sectores con formas máis abruptas e empinadas. Isto sucede no oeste do Concello co afloramento rochoso de metagravos no Monte Castelo (498m) ou no sur co filón de cuarzo da serra do Pico Sacro.
Estes dous promontorios son os de maior elevación en todo o Concello, xunto co Pico Sacro, que alcanza os 534 metros de altitude, atopándose os espazos máis deprimidos na zona sureste na parroquia de Ponte Ledesma ,cunha altura de apenas 60m.
A hidrografía
Como xa dixemos, o concello sitúase na vertente dereita do río Ulla mentres que o seu límite setentrional sitúase na vertente meridional do Monte Amenal, os cales fan de divisoria hidrográfica entre os ríos Ulla e Tambre. Polo tanto, todos os ríos do municipio verten as súas augas no Ulla.
A climatoloxía
A estación meteorolóxica do aeroporto de Labacolla (lindeiro co Concello), e a de Quián (Sergude), aportan os datos estatísticos fundamentais para o coñecemento do clima de Boqueixón.
A influencia oceánica é o trazo máis definitorio deste clima. Deste xeito as temperaturas destacan pola súa suavidade, cunha media anual de 12,8 ºC. A oscilación térmica varía dende os 7,4ºC do mes de xaneiro ata os 18,6 ºC de agosto.
O réxime pluviométrico caracterízase polas súas abundantes precipitacións, media anual de 1872,4 mm, repartidas ao longo de todo o ano, é dicir, sen ningún mes seco. O mes máis chuvioso é decembro mentres que en xullo rexístrase o mínimo pluviométrico.
A xeoloxía
O Concello de Boqueixón ten un mapa xeolóxico caracterizado pola división da súa superficie en tres subzonas fundamentais. A primeira, composta por xistos e paragneises da serie de Ordes da época precámbrica, é a máis importante en canto a extensión (parroquias de Ledesma, Sucira, Oural, Pousada, Gastrar e gran parte das de Donas, Boqueixón, Loureda e Vigo).
A segunda subzona caracterízase polo afloramento de rochas básicas que se reduce a esteritas intrusións de anfibolitas. Ao leste de Santiago as anfibolitas adquiren enorme desenvolvemento aparecendo tamén nas parroquias de Lamas, Sergude, Boqueixón e Codeso, por onde alcanzan o río Ulla. O límite sur destas rochas básicas está ben definido polo gran dique de cuarzo do Pico Sacro e a súa serra, que separa as anfibolitas de Sergude e Boqueixón dos xistos granitizados de Vedra.
Por ultimo, a parroquia de Lestedo conforma a terceira subzona con dúas clases de xistos. O primeiro de xisto albítico, mentres que na parte sur da parroquia aparece xisto e gneises da serie de Ordes.
Ademais destas 3 subzonas aparecen, segundo a hidroloxía, diferentes zonas de chairas aluviais e fondos de valgada.