A LENDA DO DRAGÓN
A serpe ten unha importancia indiscutible nas lendas, crenza e na simboloxía popular galega, claramente entroncadas coa tradición europea. Se ben, os significados que se lle atribúen dependen das características físicas e do comportamento que manifesten.
Na Antigüidade as grandes serpes denominábanse “draco”, e dicir, dragón; na mitoloxía popular galega é frecuente atopar lendas sobre grandes serpes que habitaban en castros ou montes.
As primeiras palabras que refiren a presenza de serpes en Galicia son as do escritor latino Rufo Fiesto Avieno (S. IV) que relata a invasión das terras galegas por un pobo, os saefes (serpes) que expulsan aos primitivos habitantes (oestrimnios). Os saefes, son así nomeados polos romanos, por ter unha serpe como animal totémico.
A aparición do dragón no relato fundacional da cidade de Santiago de Compostela non é casual xa que o dragón representa a reencarnación do mal e o triunfo sobre o monstro converte ao home nun mito. Á lenda do Pico Sacro, recollida no Códice Calixtino, é unha das evidencias da importancia deste monte como lugar de culto precristián. Son varios os estudosos que falan da posibilidades de que nel se rendese culto a un numen solar representado por un réptil xigantesco, de aí a necesidade dos discípulos de bendicir e rebautizar este pico para libralo do mal, xa que a xente a pesares de ter xa o cristianismo como relixión seguían conservando as antigas costumes pagás. O cristianismo rematou convertendo a serpe/dragón nunha representación do mal, do paganismo.
Recordar tamén que, a bandeira do reino suevo de Galicia estaba representada por un dragón verde e un león vermello, tal e como recolle un documento recuperado no ano 1927 polo historiador Pérez Constanti no seu libro “Notas Viejas Galicianas”, no que sinala que o 15 de febreiro 1669 Cátedra de Lugo presentou un documento á Xunta Xeral do Reino de Galicia no que afirma que “(…) de aquí tuvo principio y se originó borrar el Dragón verde y León rojo (armas de los Reyes suevos que al tiempo tenían en este Reyno su corte), y trasladar al dorado campo del escudo de sus armas, la Hostia, no dentro de vaso Sacramental oculta (…)“.
Ao longo dos séculos e aínda na actualidade, arróxanse pedras no interior da Cova do Pico para mata-lo dragón que alí habita.