Vigo
Ocupa un pequeno val ao norte do Pico Sacro, adicado, fundamentalmente, á produción agropecuaria. Con grandes bosques de aciñeiras, carballos, piñeiros e eucaliptos e extensos pastos. Moi ben comunicada tanto por estradas comarcais como por pistas de concentración que lle permiten acceder á N-525 Santiago-Ourense e á N-634 Santiago-Lugo, neste último punto á altura do aeroporto internacional de Lavacolla. Cunha altitude media de 311 m. e regada polo río Insua, ocupa unha extensión de 7,5 Km2. Os seus 150 habitantes viven en seis entidades de poboación: Carabán, Castenda, O Covelo, Melón, Rubio (fai referencia á cor da terra pola constitución ferruxinosa da mesma) e Santa Baia.
Igrexa Parroquial de Santa Baia de Vigo
Ten vestixios anteriores á actual fábrica que data de mediados do século XVIII. A capela maior coa súa bóveda en pedra de cadeirado é o máis antigo, de principios do XVIII. Algo posterior é a capela lateral de San Antonio, tamén coa bóveda de cruzaría en pedra de granito. A fachada e espadana levántanse na segunda parte do século. Xa no século XIX, procédese á reconstrución da igrexa, que xunto á nova sancristía e o recubrimento dos muros conforman a súa imaxe actual.
· Retablos: Retablo Maior e Retablo das Dores.
· Imaxinaría: San Roque, San Xosé, Santa Baia, Xesús Salvador, San Ramón Nonato, Inmaculada Concepción e Cristo Crucificado.
Cruceiro de Carabán
Cruceiro parroquial de plataforma cuadrangular e pedestal cúbico rematado en mediacanas. Varal octogonal e capitel troncopiramidal invertido con molduras e querubíns. Cruz octogonal con remates floreados.
Cruceiro de Castenda
De recente colocación, ten plataforma cuadrangular e pedestal cúbico con remate en chafrán. Varal e capitel cuadrangular con molduras. Cruz de trazos cadrados e remates floreados.
Castro de Carabán
Asentamento fortificado da Idade de Ferro, localízase en propiedade particular e en deficiente estado de conservación.
Fervenza de Vigo
No lugar de Rubio, o río Záramo forma unha fermosa caída de auga de cinco metros de altura no seu curso alto. A súa forza foi a impulsora do primeiro xerador de enerxía eléctrica que funcionou en Boqueixón.