Oural
Como o propio nome indica, esta parroquia aséntase sobre un terreo no que había ouro (Aurum-auri: ouro). Así, a lenda da Devesa e Castro sobre os lingotes que se esconden no subsolo protexidos por diversos encantamentos, dan fe da orixe desta denominación. Os seus 437 habitantes viven nas entidades de Camporrapado (compartida con Pousada), O Casal, Castro, A Devesa, A Eirexe, León, Lubián, O Mato, Rebordaos e Villalapaz, que ocupan unha superficie de 1,9 Km2. Ademais das comunicacións rurais da concentración parcelaria, cruza esta parroquia a AC-640 de Santiago a Vila de Cruces.
Igrexa Parroquial de Santa María de Oural
A arquitectura historicista do século XIX deixa neste templo de planta de salón un claro exemplo, mostrando a súa fachada unha volta a manifestacións artísticas do pasado. Esta fachada desprovista de decoración e ordes, cun frontón clasicista, condúcenos ao severo Neoclásico proposto por Ramón Monroy nos planos da obra prevista para 1818 e que Prado e Vallo respecta. A torre, non obstante, volve á tipoloxía dos campanarios barrocos.
Retablos: Retablo Maior e Retablo da Nosa Señora do Rosario.
· Imaxinaría: Asunción de María, San Antonio de Padua, Virxe do Carme e San Isidro.
Ermida de San Mauro
Xunto á antiga casa Reitoral, mirando sobre o río Ulla, e encima dun antigo castro, está este pequeno santuario de planta de salón. Tanto os muros exteriores como o retablo constrúense en 1791, coas características propias do momento de transición do Rococó ao Neoclásico, presentando liñas de corte sobrio, que foxe de excesos decorativos aínda que están presentes os ecos do estilo anterior nos remates da espadana.
· Retablos: Retablo sacramental de San Mauro.
· Imaxinaría: San Mauro.
Cruceiro da Devesa
No acceso principal ao campo da festa da Devesa e nas inmediacións da Igrexa atópase o cruceiro parroquial. Presenta plataforma, pedestal e varal octogonais. Capitel cadrado e cruz rectangular. No anverso, o Crucificado, e no reverso, imaxe da Virxe Dolorosa.
Casa grande dos Valderrama
Situada no lugar de Castro, consta con dous espectaculares magnolios de máis de 400 anos de antigüidade, así como tres lagares para o viño.
Fonte de Castro
Situada aproximadamente a 30 m. da Ermida de San Mauro, data de mediados do século XVIII, realizada en cantaría.
Fonte de Camporrapado
Curiosa fonte con lavadoiro nos seus laterais realizada en cantería.
Casa de Cultura de Camporrapado