ÁREAS NATURAIS E RUTAS
Concello de Boqueixón
ÁREAS NATURAIS
Área recreativa de Gastrar
Situada no acceso a esta parroquia dende o Forte (Casa do Concello), esta área recreativa forma un grato espazo de lecer. Está acondicionada con bancos, asadores e parque infantil na beira dun pequeno regato e baixo unha gran carballeira.
A área está escoltada polo Castro de Gastrar, asentamento fortificado da Idade do Ferro e por un muíño restaurado que aínda conserva a súa función.
Área recreativa das Illas de Gres-Ponte Ledesma
Situada na zona suroeste do municipio, localízase ao pé da ponte románica que atravesa o río Ulla. As catro pequenas illas están unidas por pontes e son de gran beleza paisaxística. A área, baixo grandes carballos, conta con mesas, bancos, asadores de pedra para uso e gozo dos visitantes, así como dunha fermosa praia fluvial.
Área recreativa de Sucira
No sur do Concello, na marxe dereita do Ulla, sitúase esta pequena parroquia, que conta cunha área recreativa situada nunha carballeira de gran beleza e interese natural. É o lugar idoneo onde pasar un día en contacto coa natureza. Está dotada con bancos, asadores e todas as comodidades para gozar dun día no río.
Área Natural da Capela de San Paio
Unha das paraxes máis completas e fermosas de Boqueixón. A carón desta capela da parroquia de Codeso podemos contemplar unha fervenza, varios muíños restaurados, unha fonte milagreira e, seguindo un sinxelo sendeiro de menos dun kilómetro río abaixo, máis muíños e unha segunda fervenza, todo inmerso nun frondoso e case intacto bosque de ribeira galego.
RUTAS
RUTA DO PICO SACRO
Comezo: Centro de interpretación do Pico Sacro
Punto de remate: Pico Sacro
Distancia: 2,650 m.
Dificultade: Media.
Itinerario
A ruta comeza ao carón do Centro de Interpretación do Pico Sacro, situado no lugar de Cachosenande. Dende ali empréndese a subida por un fermoso sendeiro que a medida que avanza colle un maior desnivel. Esta senda chega ata o depósito de auga, subindo por camiños forestais. Dende o depósito cóllese á esquerda e chégase á cima á Capela de San Sebastián e á cima do Pico Sacro.
RUTA DE PESCADORES E RÍO GRANDE
Comezo: A Ponte Ledesma
Distancia: 9,6 km.
Dificultade: Media – Baixa.
Itinerario
O punto de partida desta ruta é a Ponte Ledesma, un núcleo poboacional cun conxunto etnográfico moi importante: Igrexa Divino Salvador de Ledesma, a Ponte Vella de Ledesma e as Ínsuas de Gres sobre o Ulla. Percórrese un roteiro de Pescadores, tramo da Rede Natura 2000, un espazo natural protexido, e séguese por unha fermosa senda de pescadores cunhas vistas de gran beleza ata a parroquia de Donas. A ruta continúa polo roteiro do Río Grande que leva á Capela de San Paio en Codeso, rematando nunha fervenza de 7 m de altura.
VÍA DA PRATA E CAMIÑO DE INVERNO
Itinerario
O Camiño do Sueste, ou Vía da Prata, percorre por Galicia un patrimonio natural e etnográfico de excepción: a enorme riqueza da provincia de Ourense, a comarca do Deza e o curso do río Ulla preséntanse ante o caminante cheos de atractivos.
O seu paso por Boqueixón, a ruta deixa atrás Vilanova (Vedra) e adéntrase no noso municipio pasando pola beira do Pico Sacro, que cos seus máis de cincocentos metros de altura, preside as paisaxes da contorna. Este monte está vinculado á tradición da Translatio do corpo do Apóstolo de Iria Flavia a Compostela.
Deixando atrás este lugar o camiño segue por donde o Cruceiro de Castrelo e continúa ata Rubial, onde tamén atopamos outro fermoso cruceiro. Continuamos por Deseiro de Arriba e a ruta chega xa ao municipio de Santiago de Compostela a través da localidade de A Susana.
Outra das Rutas Xacobeas que pasan polo noso concello é o Camiño de Inverno que ao seu paso por Boqueixón segue polo mesmo trazado que a Vía da Prata ou Camiño do Sueste.