ALCALDÍA
Concello de Boqueixón
Ovidio Rodeiro Tato.
Benqueridos veciños e veciñas:
É para min un pracer darche a benvida á páxina web do Concello de Boqueixón, un espazo participativo, transparente e aberto a toda a veciñanza do municipio, así como unha porta de entrada á comunidade internauta. Un espazo web que busca tres obxectivos principais:
En primeiro lugar, queremos ser o lugar de encontro e información para todos os veciños e veciñas de Boqueixón sobre o día a día do noso municipio. Por iso, tes o meu compromiso persoal de que vos achegaremos, de forma rápida e rigorosa, toda a información pertinente sobre o que acontece en Boqueixón en materia social, cultural, política, deportiva, económica… Información que poderás seguir ben a través da web, ben a través da APP gratuíta que temos habilitada.
En segundo lugar, desexo que poidas facer a través deste sitio web os distintos trámites administrativos que ata hai pouco tiñas que facer en persoa nas oficinas municipais. A miña intención é achegarche unha páxina moderna, segura e de fácil navegación para que poidas realizar calquera trámite comodamente dende a túa casa ou dende calquera parte do mundo, con calquera dispositivo móbil.
E, en terceiro lugar, desexo que esta páxina web continúe sendo un punto de información e unha porta aberta a todas aquelas persoas que queiran coñecer esta máxica terra percorrida polo río Ulla. As nosas illas, pontes, fervenzas, muíños… constitúen un exemplo da nosa riqueza cultural e natural, preservados pola hospitalidade da nosa veciñanza. Ademais, estamos nunha terra de peregrinación, nos dominios da Raiña Lupa e a carón do mítico Pico Sacro, referente dos peregrinos que percorren a Vía da Prata, o Camiño Portugués ou o Camiño Miñoto Ribeiro porque dende o seu cumio divisan as torres da Catedral. É por iso que estou seguro de que, quen nos coñeza a través deste sitio web, animarase a visitarnos en persoa.
A todos e todas, benvidos á vosa casa.
Ovidio Rodeiro Tato, alcalde de Boqueixón.
Ovidio Rodeiro Tato.
Alcalde de Boqueixón
Natural e veciño de Lestedo, 51 anos.
Alcalde de Boqueixón entre os anos 2015 e 2016, foi concelleiro do Partido Popular dende 1999 a 2009 e de 2015 a 2016. Ocupou os cargos de concelleiro de Cultura, Deportes e Xuventude (1999-2003), primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Coordinación Sociocultural, Maiores e Xuventude (2003-2007) e primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Obras e Urbanismo (2007-2009).
Director xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia (2009-2015), delegado da Xunta na provincia de A Coruña (2016-2020) e deputado no Parlamento de Galicia (2020-2023).
Diplomado en Profesorado de Educación Xeral Básica, especialidade de Educación Preescolar. Máster universitario en Xerontoloxía, especialidade Xerontoloxía Social. Técnico en prevención de riscos laborais de nivel superior