OS MOUROS DO PICO SACRO
Para Rafael Quintiá, os mouros galegos son considerados, na sociedade rural, os antigos poboadores do noso territorio, pero non os devanceiros. Nós somos os cristiáns, eles son os xentís. Nós somos a xente, eles son os mouros. Eles, a diferenza de nós, saen de noite e dormen de día, viven debaixo da terra, debaixo da auga, dentro de rochas, en covas e en casas e pazos baixo os outeiros, mentres nós vivimos na superficie.
Para moitos etnógrafos e mitólogos, entre os que se atopaban os primeiros investigadores do noso folclore como Vicente Risco, todas estas razas míticas, xentes máxicas e non cristiás, serían a memoria mitificada dos antigos poboadores de Galicia que foron vítimas dunha lei do esquecemento dos feitos históricos debido á chegada do cristianismo.
Seguindo a Rafael Quintiá: “Os mouros, a diferenza do pobo campesiño —sempre afeito a loitar pola supervivencia e a vivir a miúdo nun estado de carencia xeneralizada—, son donos de grandes riquezas, teñen fabulosos tesouros —case sempre encantados—, huchas e arcas cheas de ouro. Os seus obxectos cotiáns como grades, arados, carros e incluso os bois e outros animais, son de ouro. Gardan, ademais, minas de ouro e de veleno e/ou alcatrán. Tenden enormes cadeas de ouro que van dun castro a outro ou dun monte a un río, teñen galiñas máxicas que crían roladas de pitiños de ouro. Os mouros interactúan cos homes, fan tratos coa xente e tamén transaccións. Os mouros piden favores que pagan con tesouros ou ofrecen riquezas a cambio do cumprimento dun trato ou dun servizo e do silencio do contratante. O mouro sempre cumpre a súa parte do trato pero o humano non adoita facelo, co conseguinte castigo ou desgraza. Segundo Aparicio Casado a relación xente-mouro é unha relación de comenencia, na que este investigador ve «un reflexo das peculiaridades que adoptan as relacións de veciñanza no agro galego, nas que o veciño é, ó mesmo tempo, un colaborador de quen non se pode prescindir e un competidor que, na disputa de terras, rega ou dereitos de paso, pode causar fortes prexuízos.» O mundo da mourindade é subterráneo. Os mouros habitan baixo a croa dos castros, nas mámoas, nos penedos ou nas covas. Son símbolos da natureza salvaxe que se opón á cultura presente na aldea. Eles fabricaron e usaron as pías dos penedos para recolle-la auga do ceo, para usalas como mesas, como bebedoiros e tamén como altares de sacrificio. Construíron cadeiras e tronos de pedra para os seus reis, cortellos para o seu gando, pazos, torres, castros… Obras que lles confiren poderes titánicos, misteriosos e sobrehumanos. Poderes taumatúrxicos para crear prodixios. En Galicia, xa que logo, calquera construción ou ruína de orixe descoñecida ou penedo que non semella natural é, para os paisanos, cousa de mouros, do tempo dos mouros. O que non se sabe quen o fixo (castros, pedras con riscos, aras, petróglifos, antas…) é, na nosa terra, cousa de mouros. Moitas lendas de mouros reflicten a crenza de que o tempo dos mouros foi conflitivo e bélico, un período de loitas constantes entre distintos pobos e xentes. Un tempo mítico e pasado polo que desfilaron unha serie de razas de maneira sucesiva e conflitiva. Esas razas mitificadas constitúen a nosa mourindade, é dicir, os mouros. A definición por alteridade e o transcurso do tempo e dos seus sucesos históricos —lembra Aparicio Casado— fan que se categorice como mouros a celtas, romanos, franceses, musulmáns, viquingos, facciosos e incluso carlistas. En canto á orixe dos mouros, os investigadores non se poñen de acordo. Uns, como Alexandre Parafita, identifícanos cos mouros históricos, é dicir, con aqueles sarracenos de pel escura e relixión musulmá que invadiron a península ibérica. Para outros, como X. M. González Reboredo, o mouro é unha simbolización extrema do ‘non labrego’. Non faltan autores que relacionan a figura dos mouros cos mortos, por exemplo o filólogo Isidoro Millán, para quen a voz latina maurus (de onde deriva mouro) procede do céltico mrvos, que nos leva ó latín mortuus, 18 é dicir, mortos. De aí que para moitos autores eses mouros sexan os mortos ou as razas desaparecidas. Para moitos etnógrafos e mitólogos, entre os que se atopaban os primeiros investigadores do noso folclore como Vicente Risco, todas estas razas míticas, xentes máxicas e non cristiás, serían a memoria mitificada dos antigos poboadores de Galicia que foron vítimas dunha lei do esquecemento dos feitos históricos debido á chegada do cristianismo. Pero, na miña humilde opinión, incluso corrixindo o que teño dito noutras ocasións, os mouros non son o recordo dos habitantes prehistóricos de Galicia, ou non son só a lembranza deses primeiros poboadores, senón que ante todo son unha construción cultural e simbólica xerada pola sociedade tradicional galega para explicar, entre outras cousas, ese pasado testemuñado polo rexistro arqueolóxico. Dalgún xeito o mito dos mouros funciona como un discurso histórico, cumpre a función de explica-lo pasado, pero nunha clave popular onde os conceptos do tempo e espazo traspasan as limitacións das leis físicas e da crónica histórica para situarse nun plano de existencia alternativo e paralelo, o plano do mito. Incluso poderiamos dicir que o mito da raza dos mouros ten algo de mito de creación no que se produce a separación dos homes —a xente— e os deuses, convertidos en mouros. Para outros investigadores son a mitificación de antigas deidades xa esquecidas e fagocitadas pola nova fe cristiá. Non debemos esquecer tampouco a proposta máis actual, xa exposta en liñas anteriores e centrada na antropoloxía cultural, na que os mouros serían unha especie de imaxe inversa do labrego, de construto simbólico para explica-los restos descoñecidos do pasado e para axudar a defini-la identidade do pobo campesiño da Galicia rural. Como se pode ver, moitas son as explicacións que tentan desentraña-lo misterio que agocha a orixe da figura dos mouros. Ningunha explicación é excluínte. Mesmo pode ser que todas elas conteñan algo da verdadeira orixe do mito da mourindade, pois os mitos compóñense de moitos elementos e matices, e sempre son susceptibles de mudar ou de recibir novas achegas co paso do tempo. Por iso, unha explicación válida de cal é a función que cumpre este mito no século XVI non ten por que selo para o século XXI. Aínda que cómpre lembrar que unha cousa é función e outra cousa é orixe e, ás veces, cando falamos de mouros, confundimos unha cousa con outra. Así, podemos atopar unha explicación coherente e actual ó porqué da pervivencia destes mitos na nosa cultura e sobre que funcións desempeñan na sociedade rural actual, pero non te-la resposta idónea á pregunta de como naceron os devanditos relatos e crenzas”.
O microtopónimo Burato dos Mouros considerase un sinónimo de “Cova do Pico“, que a lenda di se comunica con outra cavidade nas beiras do Ulla, o “Pozo de San Xoán da Cova“. A tradición oral da comarca sitúa aos mouros como construtores e habitantes das entrañas do Pico Sacro onde viven rodeados de tesouros e riquezas. Non faltando quen engade que aínda viven no seu interior algúns que alí quedaron encantados.