Na mañá deste xoves 17 de marzo, asinouse na casa do concello, un convenio de colaboración entre a empresa Clece, S.A. e o Concello de Boqueixón co obxeto de establecer colaboración entre as entidades para o desenvolvemento neste ano 2016 de estadías- visitas da mocidade en empresas. Esta acción, de toma de contacto co mundo laboral para mozos e mozas de entre 14 e 18 anos, encádrase dentro do Programa “Deseñando o teu futuro” da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social.
Con estas estadías-visitas de mozos/as de Boqueixón, preténdese axudar a este colectivo na toma de decisión do seu futuro perfil profesional, para os efectos de que coñezan “a realidade da empresa” previamente a decidir a súa traxectoria formativa profesional. Dende o concello plantéxase esta acción como un primer paso de apoio á mocidade, para a posterior continuidade coa posta en marcha doutras iniciativas de formación e emprego que os axuden a adquirir coñecementos e habilidades válidas para complementar o seu desenvolvemento persoal e futura formación profesional.
Na pasada edición do programa “Deseñando o teu futuro” colaboraron 14 empresas, ás que nesta anualidade se incorpora Clece, o que supón un pulo importante en varios sentidos, xa que o desenvolvemento do proxecto será a nivel comarcal e o abano de profesións ás que a mocidade terá acceso será moi amplo, entre outras, mantemento, limpeza, servizos sociais, restauración, medio ambiente, servizos educativos, etc.