Na tarde de onte, levouse a cabo no local social da parroquia de Vigo (Boqueixón) unha xornada informativa baixo o título “Aproveitamento do monte galego”.
O obxectivo desta xuntanza, na cal se contou coa presenza do Director Xeral de Montes Tomás Fernández-Couto Juanas, foi tratar temas de interese para os veciños de Boqueixón tales como a Certificación de Xestión Forestal e as Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR).
O Director Xeral respondeu a preguntas tales como que é a Certificación XFS (inventario, prantación, silvicultura, aproveitamento, repercusións ecolóxicas e sociais das actividades forestais), que é a Certificación dos produtos e a Certificación da Cadena de Custodia.
Os asistentes, que rondaban a treintena, mostraron especial interese sobre todo no relacionado coas SOFOR entendidas como Sociedades de Responsabilidade Limitada, a súa constitución, a súa administración, o seu rexistro, obrigas e deberes e beneficios que aportaría formar parte deste tipo de sociedades.
Na xornada informativa tamén estivo presente o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato.