O obradoiro de Boqueixón-Vedra está a ofrecer un posto de traballo e formación de calidade a un total de 20 desempregados procedentes destes dous municipios. Para poñer en marcha este proxecto, a Xunta está a investir preto de 180.000 euros.
Salientou a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, durante a súa visita que o alumnado está recibindo formación nas especialidades de traballos de carpintería e moble; e operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción. Ao remate, recibirán un certificado de profesionalidade nestas materias.
Esta formación da acceso a un posto de traballo durante 6 meses e posibilita a realización de obras e servizos en beneficio da comunidade durante o tempo que dura o proxecto. Os participantes traballarán na rehabilitación da estación de ferrocarril de Santa Cruz de Ribadulla de Vedra, así como en diversas melloras en lugares públicos de Boqueixón (a casa da cultura de Camporrapado, a praza pública de Sergude, o camiño interior de Outeiro en Codeso, e o camiño interior de Xiadás en Gastar).
A conselleira agradeceu a colaboración destes dous concellos e puxo en valor que este é o terceiro obradoiro consecutivo desenvolvido conxuntamente polos concellos de Vedra e Boqueixón.