Na soleada mañá do pasado sábado 20 de xuño, realizouse no Concello de Boqueixón o roteiro do Río Grande e dos Pescadores encadrado dentro do Programa de sendeirismo “Goza do Ulla 2015”.
Sobre as 10:00h. da mañá sairon unhas 30 persoas participantes dispostas a percorrer os 9.500 metros que separan a Capela de San Paio en Codeso e a Ponte Vella de Ledesma.
O roteiro permitíulles desfrutar de paisaxes de gran beleza natural que conforman esta zona ó carón do Ulla.
Entre outros, visitaron puntos de interese cultural como é a Capela de San Paio, enclave natural e arquitectónico de impresionante beleza, onde se pode desfrutar do río Pontillón que desembocará máis adiante no Ulla e dunha fervenza de 7m. de altura.
Na parte final, no roteiro dos Pescadores, ademáis de ser un tramo de Rede Natura do río Ulla, é ésta unha fermosa senda propia dos pescadores cunhas vistas de gran beleza e cun conxunto etnográfico importante. Alí puideron visitar a Igrexa de San Ramón, a Ponte Vella de Ledesma e as Ínsuas de Gres.