BOQUEIXÓN TERÁ DÚAS DEDICACIÓNS EXCLUSIVAS, CON SALARIOS MENSUAIS DE 1.900 EUROS PARA O ALCALDE E 1.500 PARA O TENENTE DE ALCALDE
- As dedicacións exclusivas de Boqueixón son un 44% inferiores ao que marca a Lei
- Mantéñense as dietas de 120 euros por asistencia a plenos, xuntas ou mesas de contratación
- Nesta lexislatura non se celebrarán reunións semanais de delegados de área, o que aforrará 14.000 euros anuais
O concello de Boqueixón celebrará este xoves ás 20 horas na Casa Consistorial o primeiro Pleno de organización municipal. Na sesión estableceranse dúas dedicacións exclusivas para concelleiros. A primeira recaerá no alcalde, Ovidio Rodeiro, que contará cun salario líquido de 1.900 euros mensuais. A outra será para o segundo tenente de alcalde e coordinador de servizos, Jesús Sanjuás, que cobrará 1.500 euros líquidos ao mes.
Jesús Sanjuás coordinará, entre outros, os servizos de recollida de lixo, limpeza viaria, de beirarrúas e áreas recreativas, limpeza nos edificios públicos, programas de control e supervisión de consumos e subministro eléctrico, debroces viarios, mantemento de pistas, parques e xardíns, medio ambiente, protección civil e loita contra incendios. O alcalde, ademais das súas competencias sinaladas na lexislación vixente asumirá as competencias da concellería de Xuventude.
En total, o concello deberá consignar 67.788 euros anuais para estas dúas dedicacións exclusivas. A Lei 27/2013, de Racionalización y Sostenibilidad de la Administración Local permite que concellos como Boqueixón conten cun total de 3 dedicacións exclusivas de 40.000 euros brutos cada unha, que suman un total de 120.000 euros. En consecuencia, as dedicacións exclusivas propostas no concello de Boqueixón serán un 44% inferiores ao que permite a Lei.
Por outra banda, a asistencia aos plenos, xuntas de goberno e mesas de contratación contarán cunha dietas para os concelleiros que non teñan dedicación exclusiva de 120 euros, a mesma cantidade que se percibía nos 8 anos anteriores.
Nesta lexislatura os concelleiros do grupo de goberno non celebrarán reunións semanais de delegados de área, que se viñan celebrando ata o de agora, o que permitirá aforrar preto de 14.000 euros anuais. Os concelleiros só terán dereito a axudas de custo de 47 euros por xornada completa e 26 euros por media xornada de traballo da súa concellería.