Este venres 11 de abril remata o prazo de presentación de ofertas para as obras de mellora de 20 pistas municipais e accesos a aldeas incluídos no proxecto «Mellora de viario en Pumares (Sergude) e outros». Un proxecto licitado polo Concello de Boqueixón en 141.017,76 euros.
As actuacións que se inclúen neste proxecto son as seguintes:
- Mellora viario en Pumares (Sergude). Mellora da capa de rodaxe dun camiño de 240 metros de longo por 4 de ancho, previa reparación de fochancas.
- Mellora de acceso en Gándara (Sergude). Preténdese mellorar a capa de rodaxe dun viario de 80 metros de longo por 3 metros de ancho.
- Mellora de accesos en Deseiro de Arriba (Sergude). Tras un previo bacheo con pedraplén e zahorra, prevese a mellora do firme dun camiño de 190 metros de longo e 3 metros de ancho, así como facer 50 m2 de abanicos para maior seguridade.
- Mellora de viario en Pazos (Lestedo). Acometerase a mellora da capa de rodaxe dun camiño de 260 metros de longo por 5,5 metros de ancho, previo bacheo e creación de 100 m2 de abanicos.
- Mellora de viario de Castrelo a Virxe de Lurdes (Lestedo). Tras o correspondente bacheo, mellorarase a capa de rodadura de tres tramos dun viario de 100, 150 e 20 metros de lonxitude, así como 100 m2 de abanicos.
- Mellora de interiores en Ardarís (Lestedo). Mellorarase a capa de rodaxe de dous viarios, ambos de 3,5 metros de ancho, o primeiro de 83 metros de longo e segundo de 65 metros. Nun treito intermedio prevese instalar un sistema de canalización da auga da chuvia e colocar 4 arquetas sumidoiros, 2 pozos de rexistro e 2 embocaduras de cano.
- Mellora de viario no Burgo (Lamas). Contémplase o aglomerado en quente dun camiño de 140 metros de longo por 5 metros de ancho, previo fresado do pavimento actual.
- Mellora de acceso en Vigo (Lamas). Acometerase un bacheo previo con pedraplén e zahorra para despois mellorar a capa de rodadura dun viario de 110 metros de longo por 4,3 metros de ancho.
- Mellora de acceso en Alboia (Lamas). A terceira actuación na parroquia de Lama inclúe a mellora da capa de rodaxe dun camiño de 110 metros de longo e 3,5 metros de ancho, previo bacheo con zahorra e pedraplén.
- Mellora de viario do Forte a Casalpegito. A obra inclúe o pintado das liñas de bordo e sinalización horizonta dos 3.390 metros desta estrada e a reparación dun dos seus treitos mediante a construción dun muro de bloques de granito para sostemento de terras e a súa pavimentación en aglomerado en quente. Ademais, contémplase o revestido de 5 metros de cuneta e a instalación dunha arqueta de formigón con reixa.
- Mellora de acceso en Gastrar (Gastrar). Mellora dun viario de 95 metros de longo por 4,5 metros de ancho, previa reparación de fochancas.
- Mellora de acceso en Camporrapado (Oural). As obras dividiranse en dous treitos de 30 metros de longo por 5 metros de ancho, que serán mellorados con 5 centímetros de aglomerado en quente. A maiores instalarase canalización de pluviais, con 3 arquetas sumidoiro e 1 arqueta de formigón con reixa.
- Mellora de acceso en Rebordaos (Oural). Esta actuación inclúe a mellora de dous viarios (de 90×3,5 metros e 85×3,5 metros) e a habilitación de 100 m2 de abanicos.
- Mellora de acceso en Mato (Oural). A terceira actuación contemplada na parroquia de Oural busca mellorar a capa de rodaxe dun viario de 130 metros de longo por 3,5 metros de ancho, así como en 50 m2 de abanicos.
- Mellora de viario en Ledesma (Ledesma). Tras un previo bacheo con grava e tratamento asfáltico semiprofundo, procederase a mellorar a capa de rodaxe dun vario de 250×3,5 metros, así como en 50 m2 de abanicos e un sobreancho de 30×2 metros.
- Mellora de acceso en Vilar (Ledesma). Búscase mellorar a capa de rodaxe dun viario de 90 metros de longo por 3,5 metros de ancho.
- Mellora de camiño en A Quenlla (Sucira). Unha actuación nun viario de 305 metros de longo e 3 metros de ancho que se acometerá en dous treitos: un primeiro con zahorra e un segundo con tratamento asfáltico e grava.
- Mellora de acceso en Frenza (Sucira). Tras un bacheo previo con grava e tratamento asfáltico semiprofundo, contémplase a mellora da capa de rodaxe dun camiño de 300 metros de longo por 3,25 metros de ancho, así como en 200 m2 de abanicos.
- Mellora de acceso en Pedrouzo (Pousada). Inclúe mellora da capa de rodaxe dun camiño dividido en dous treitos de 200×4 metros e 100×5 metros, así como en 50 m2 de abanicos.
- Mellora de acceso en Piñeiro de Abaixo (Boqueixón). Preténdese a mellora da capa de rodaxe dun viario de 40×3 m. con 15 cm. de grava tratamento asfáltico semiprofundo, tratamento asfáltico superficial e rego de selado.