O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria dunha edición do “Bono alugueiro mocidade” por parte da Xunta de Galicia cun importe de preto de 13 millóns de euros. O prazo de presentación de solicitudes comezará o vindeiro 28 de febreiro e prolongarase durante un mes, é dicir, ata o 28 de marzo.
O obxectivo deste programa é facilitarlles aos mozos e mozas menores de 36 anos o pagamento da renda da súa vivenda habitual cunha axuda de 250 euros ao mes, sempre e cando esta contía non supere o importe que aboan en concepto de arrendamento. Trátase de facilitarlle o acceso a unha vivenda en réxime de alugamento ou de cesión de uso á xente nova con menos ingresos económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias.
A subvención concederáselles por un período de dous anos, coa posibilidade de recoñecer o dereito á axuda desde o 1 de xaneiro, sempre que o contrato estivese vixente nesa data. Para contratos asinados con posterioridade, concederase desde a data do contrato, sen que poidan concederse con posterioridade ao 31 de decembro do 2026.
Para poder acceder a estes incentivos, ademais de ser menores de 36 anos no momento de pedir a axuda, as persoas solicitantes deberán dispor dunha fonte regular de ingresos, acreditar que estes non superan 3 veces o Iprem (25.200 euros) e certificar que a vivenda en cuestión é a súa residencia habitual, entre outros requisitos. En canto ao importe da renda de alugueiro, non poderá superar os 700 euros nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Pontevedra. No caso dos municipios de Lugo, Ferrol e as contornas da cidades, esas contías máximas oscilarán entre os 600 e 500 euros. No resto dos concellos como Boqueixón, a renda de alugueiro das vivendas non poderá exceder os 400 euros.