O Concello de Boqueixón informa de que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria das axudas da Xunta de Galicia para a corrección de impactos urbanísticos, dirixidas a cidadáns particulares. Unhas axudas que permitirán cubrir ata o 70% do investimento total (ata un máximo de 3.000 euros) para proxectos de mellora da imaxe exterior das vivendas e doutras construcións adxacentes, como muros de peche.
Así, poderase conseguir axudas para actuacións de restauración e/ou revestimento de elementos da fachada da vivenda; para rematar, renovar ou substituír o acabado exterior das cubertas; ou para recuperar, restaurar ou revestir muros de peche de terreos.
Cun orzamento global para 2025 de 1 millón de euros, o prazo de presentación das solicitudes abrirase o vindeiro 20 de xaneiro, para que as persoas interesadas poidan dispoñer duns días para analizar a convocatoria e recompilar a documentación requirida. As persoas solicitantes disporán dun mes para solicitar as achegas.
CONVOCATORIA AXUDAS CORRECCIÓN IMPACTOS PAISAXÍSTICOS 2025
Resolución do 26 de novembro de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, xestionadas polo Instituto de Estudos do Territorio, e se establece a súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento MT402A), tramitado como expediente anticipado de gasto. (DOG Nº 5, do 9 de xaneiro de 2025).
Características
– Destinadas a persoas físicas titulares dun inmoble ou ben.
– Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, orde cronolóxica de entrada.
– Aboarase o 70% do total do proxecto, co límite de 3.000 euros por solicitante e ben.
– Estas actuacións deberán adaptase ao criterio que fixan a Guía de cores e materiais de Galicia e a Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes e iniciarase en sete (7) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día en que se inicie a presentación de solicitudes. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Para que tipo de obras podo solicitar axudas?
O obxecto central é a corrección de impactos paisaxísticos existentes en:
- Actuacións de restauración e/ou revestimento de elementos de fachada.
- Remate, renovación e/ou substitución do acabamento exterior de cubertas.
- Recuperación, restauración e/ou revestimento de muros de peche de terreos.
Enlace para consultar a convocatoria ano 2025:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250109/AnuncioG0192-271124-0001_gl.pdf