“Aurora boreal dende o Pico Sacro”, unha fermosa vista nocturna dende o cumio do monte Ilicino do xornalista coruñés César Carracedo Pose foi a gañadora da décima edición do Concurso de Fotografía “Imaxes de Boqueixón”. Un certame convocado polo Concello de Boqueixón para fomentar a creación artística e a promoción e posta en valor da riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística do municipio.
O xurado do certame, composto por Adolfo Enríquez, fotógrafo; Javier Carnota, director de xornais comarcais gratuítos como STGO, AMSGO ou Crónica; Carlos Suárez, xornalista de Nós Comunicación; e Rosario Iglesias, técnica municipal de Cultura, elixiron as tres imaxes gañadoras do certame de acordo a criterios de calidade técnica, composición, impacto visual, mensaxe transmitida, creatividade e dificultade.
César Carracedo
A proposta de César Carracedo foi escollida entre as 69 fotografías presentadas a concurso este ano. De feito, as tres imaxes presentadas por este xornalista afincado en Santiago foron elixidas entre as 12 integrantes do Calendario 2025 do Concello de Boqueixón, ao obter os postos 6º e 7º. Carracedo recibiu o premio de mans do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, a quen explicou que “gústame moito ir en bicicleta e un dos sitios aos que adoito ir é Boqueixón porque ten paisaxes moi fermosos e moitas veces levo a cámara comigo. Incluso unha das fotos que está no calendario saqueina cando pasaba por diante na estrada por Casalpegito”.
Xornalista radiofónico, Carracedo foi xefe de informativos en COPE Ferrol, director de informativos de fin de semana na SER de Santiago e ten traballado no gabinete de Prensa do Concello de Lalín. Ten gañado dous accésit do Premio Modesto R Figueiredo, unha mención no certame de relato curto do Concello de Mugardos, o premio do xurado do Diario Cultural da Radio Galega e o segundo premio do X Premio de Narración Curta do Concello de Curtis.
Mónica Vila
O monte Ilicino foi tamén o protagonista da fotografía do segundo premio, titulada “Pico Sacro”, e que recolle unha vista da zona cun arco da vella de fondo. Unha imaxe recollida por Mónica Vila Ferreirós, fotoxornalista de Vilanova de Arousa, quen indicou que “cando traballei en La Voz de Galicia, viñera á Festa da Filloa de Lestedo, pero non visitara Boqueixón. Vin o concurso por Internet e serviunos de escusa para coñecer a zona aos que estamos preto”. Outra das súas imaxes, “Ponteledesma”, quedou en 10ª posición.
Mónica Vila estudou fotografía artística na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago e imaxe na Escola de Imaxe e Son da Coruña. De 1998 a 2021 colabora con La Voz de Galicia, Diario de Arousa, El Español, Fotomóvil, Yo Dona, De Viajes, El País, La Opinión, Luzes, Interviú, Zona Press, Turismo de Galicia… Premio Galicia de Fotografía Deportiva en 2005 e terceiro premio na categoría “Novas” do Certamem de Fotojornalismo Estaçâo Imagem Mora 2014.
Alicia Carrillo
O terceiro premio recaeu en “Sombras de Outono”, de Alicia Carrillo Martínez, unha moza veciña de Oural (Boqueixón), quen sinalou que decidiu participar a última hora porque “a foto pareceume bastante bonita, aínda que non sexa o lugar máis típico ou recoñecible de Boqueixón pero a vexetación é algo que está moi presente”.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, foi o encargado de entregarlles os premios: vales de compra en calquera establecemento do municipio por un importe de 200, 150 e 50 euros, respectivamente. Coas doce imaxes mellor puntuadas do certame, o Concello editou un calendario 2025 que chegará de balde ás vivendas do municipio nas próximas semanas.