“Tratar de sensibilizar á poboación en xeral porque se leva feito moito camiño pero queda aínda moito por facer. E con traballo e xornadas como estas iremos facendo ese camiño tan necesario”. Así resumía o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, o obxectivo da VI Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller, que reuniu a preto dun cento de veciños e veciñas na Casa da Cultura de Camporrapado na tarde deste sábado.
Unha actividade organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón en colaboración co Ministerio de Igualdade e ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Precisamente a directora do CIM, Cristina Carbajales, acompañou ao alcalde na inauguración dunha xornada que busca “dar voz ás mulleres, ás sobreviventes, ás heroínas”.
Mulleres valentes
Neste sentido, a directora do CIM deulle a palabra a Rosa de Cabanas, quen presentou o seu proxecto “Mulleres valentes”. A estradense explicou que a iniciativa xurdiu como consecuencia dun reto persoal de Rosa de Cabanas iniciado en xaneiro de 2021 e que consistía no compromiso de publicar un debuxo cada semana durante un ano, coa intención de explorar técnicas gráficas e saír do estilo máis coñecido da ilustradora estradense.
O que comezou cun retrato de Xela Arias converteuse nun proxecto de busca e divulgación de mulleres activas en moitos ámbitos e, na súa maior parte, descoñecidas para o público en xeral. “Foron 52 pero poderían ter sido moitas máis”, apuntou Rosa de Cabanas, quen sinalou que utilizou a técnica da acuarela “coa que intento expresar moito en pouco”. Científicas, escritoras, xornalistas, artistas de distintas disciplinas, activistas represaliadas, mulleres traballadoras… conforman esta exposición artística composta por vinte retratos e que pode visitarse ata finais de mes na Casa do Concello de Boqueixón.
Yolanda Neira, psicóloga do CIM, presentou un novo testemuño dunha muller sobrevivente de violencia de xénero, nesta ocasión María del Mar Álvarez Baamonde, veciña de Arteixo, quen compartiu a súa historia co público presente, que lle trasladaron tanto mensaxes de apoio como preguntas sobre a súa situación. “Unha experiencia liberadora”, como recoñeceu Yolanda Neira.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ángela Conde Leis, agradeceu o traballo realizado dende o CIM de Boqueixón, así como a participación das poñentes e do público asistente antes de dar paso a Bea Rodríguez e Marina Vidal, da Asociación Banda Musical de Ponteledesma, quen estiveron amenizando a velada musicalmente.