Algo máis de corenta veciños e veciñas de Boqueixón participaron na penúltima viaxe do programa “Boqueixón en Ruta”, unha iniciativa organizada polo Concello e que ofrece seis excursións por distintos puntos de Galicia dende o pasado mes de maio e unha gran viaxe de catro días a Sevilla e a Córdoba. Unha viaxe que tivo lugar do 16 ao 19 de outubro e na que a veciñanza estivo acompañada polo alcalde, Ovidio Rodeiro.
A próxima saída terá como destino as Termas de Outariz, o vindeiro 6 de novembro. As persoas interesadas en participar deberán anotarse en persoa no Concello de Boqueixón ou no teléfono 981 513 115. As prazas no autobús adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición.
Con esta excursión a Ourense, o Concello de Boqueixón dará por finalizada a primeira edición do “Boqueixón en ruta”, que rexistrou unha media de cincuenta participantes nas súas cinco saídas a Ribadavia, Canóns do Sil, Laxe, Rías Baixas e Fisterra.