Boqueixón conta con servizo de rede de fibra óptica no 98,1% das aldeas do municipio. Durante o pasado verán entrou en funcionamento o servizo de fibra nos núcleos de A Igrexa (A Granxa), Loureiro (Pousada), O Cubelo (Vigo) e O Casal (Lamas), ao que hai que sumar o lugar da Alboia, que se conformou como unha nova aldea de Lamas. Deste xeito, 104 dos 106 núcleos de poboación de Boqueixón xa dispoñen do servizo de fibra óptica.
Neste momento, unicamente as aldeas de Loureda (Loureda) e Orto (Boqueixón) non contan con este servizo, xa que non hai liña de postes de teléfono que dean cobertura a estes lugares. O Concello de Boqueixón informa de que a compañía Rede Aberta está tramitando os permisos necesarios con Naturgy e Udesa, para así poder completar o servizo nestes núcleos, a través da rede de postes do tendido eléctrico.
“Deste xeito, a finais do ano 2024, o 100% dos núcleos de poboación de Boqueixón contarán co servizo de fibra, quedando casos puntuais, que se intentarán atender de forma individualizada”, explica o alcalde, Ovidio Rodeiro, que apunta que “con estas actuacións, o noso concello poderá contar cun servizo imprescindible hoxe en día para o teletraballo, a telemedicina, o estudo dos mais cativos, para as empresas e o ocio, un servizo que contribúe á mellora da calidade de vida e do desenvolvemento económico de Boqueixón”.