Gran participación na ruta guiada polo Roteiro do cuarzo do Pico Sacro organizada pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, en virtude dun convenio asinado coa Consellería de Economía e Industria, para dar a coñecer a riqueza mineira da comunidade e o seu atractivo turístico e paisaxístico. Este percorrido de 7,3 Km transcorre dende o Pico Sacro ata o miradoiro de Gundián, cruzando o río Ulla, para coñecer o filón de cuarzo que hai nesta contorna, onde se atopa a mina de Serrabal e a mina Castillo.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e os alcaldes de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e Vedra, Carlos Martínez, sumáronse a un roteiro que se inclúe dentro da aposta que está a facer a Xunta por poñer en valor o patrimonio mineiro e xeolóxico da comunidade e por promover a súa conservación, un dos obxectivos que recolle a Axenda de Impulso á Minaría Sustentable de Galicia. Así, os participantes puideron aprender que un cuarzo dunha pureza tan alta, como o que se atopa neste dique, se utiliza para electrónica (paneis solares), para a industria química (siliconas) ou para fabricar ferrosilicio para a industria da siderurxia. O de menor pureza recíclase como árido, tanto para formigóns e morteiros como para cama seca de gando, construción de instalacións deportivas, filtros, abrasivos e outras aplicacións químicas. A maiores, esta ruta de sendeirismo permite coñecer lugares míticos como o Pico Sacro e grandes obras de enxeñaría, como os viadutos dos camiños de ferro que cruzan o río Ulla.
Lorenzana indicou que Galicia é a 4ª comunidade autónoma en valor de produción mineira en España, e tamén en emprego, con máis de 3.300 postos de traballo vinculados. Un sector de pemes e familias con varias xeracións dedicadas ás explotacións, engadiu. Concretamente, o 97% dos titulares de dereitos mineiros son pemes e o 95% delas teñen sede en Galicia. A conselleira sinalou que as liñas de traballo da Axenda de Impulso á Minaría Sustentable de Galicia pasan por potenciar a modernización e o crecemento do sector de xeito sostible e respectuoso co medio ambiente; fortalecer o capital humano e a responsabilidade social; e por promover a integración ambiental, a economía circular e, a posta en valor do patrimonio mineiro e a súa conservación con actividades deste tipo.