A Consellería do Medio Rural promove a creación da Ruta das igrexas e da denominación de orixe protexida (DOP) Arzúa-Ulloa como instrumento de dinamización do rural e produto turístico. Esta iniciativa, que capitanea o concello de Curtis, beneficiará outros 31 municipios máis pertencentes ás comarcas de Arzúa, Terras de Melide, A Ulloa, Chantada e Deza, entre os que figura o Concello de Boqueixón.
Unha iniciativa que foi presentada este martes no Pazo de Quián nun acto presidido pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, quen estivo acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e polos alcaldes de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e de Curtis, Javier Caínzos, entre outras autoridades.
María José Gómez salientou que esta iniciativa representa “sustentabilidade do territorio” e serve para “poñer en valor o patrimonio unido á gastronomía e a ese territorio coidado e traballado”. Este é, precisamente, “o piar fundamental da Consellería do Medio Rural, manter o territorio vivo”, engadiu Gómez.
Pola súa banda, Ovidio Rodeiro destacou que “estou convencido de que esta iniciativa servirá para poñer en valor o patrimonio, a cultura, a natureza e a gastronomía dos concellos que, como Boqueixón, estamos incluídos na DOP Arzúa-Ulloa”.
Dixitalización
Por medio deste proxecto crearanse novas rutas, cunha visión claramente turística, nas que os visitantes poidan experimentar as diferentes etapas da produción do queixo e, ao mesmo tempo, coñecer o patrimonio da zona. Así, este proxecto permitirá potenciar a historia, promocionar os produtos e a actividade agroalimentaria da zona, xerar riqueza e emprego e mellorar os tecidos culturais, educativos e produtivos. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural asume por completo o financiamento desta iniciativa, que ascende a máis de 60.000 euros
A dixitalización do roteiro das igrexas da DOP Arzúa-Ulloa, que se enmarca dentro dos proxectos senlleiros da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, enriquecerá este instrumento turístico e ofrecerá unha maior visibilidade á denominación de orixe, así coma ao valor cultural e natural da súa contorna.
Neste contexto, a conselleira do Medio Rural reiterou o apoio da Xunta á calidade alimentaria a través de diferentes vías, como as axudas aos consellos reguladores –o da DOP Arzúa-Ulloa recibiu preto de 150.000 euros no último ano-, o fomento da transformación e comercialización de produtos agroalimentarios en Galicia, que este ano permitirá apoiar 62 proxectos, e o mantemento de liñas específicas de axudas para promover a calidade alimentaria.