O Concello de Boqueixón está a acometer unhas obras de mellora na aldea de Lamas e que inclúen a mellora da capa de rodaxe da estrada de acceso, a demolición do antigo palco de música e o acondicionamento do campo da festa da parroquia. Unha actuación que conta cun investimento de 26.000 euros.
As obras comezaron a semana pasada coa demolición do antigo palco da música, no campo da festa. “Ademais da demolición do palco fíxose canalización de pluviais e agora estamos aglomerando da zona”, explica o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato. Uns traballos de aglomerado dunha superficie de 1.050 metros cadrados no acceso ao campo da festa, onde se acometeu tamén un ancheamento do espazo de 450 m2, previo arranxo das fochancas existentes.
Finalmente, acometerase a limpeza de gabias e salvagabias, así como o pintado das liñas de bordo e da sinalización horizontal na estrada de acceso. Uns traballos que estarán rematados nos próximos días.