O campo do río de Ponte Ledesma (Boqueixón) será escenario esta fin de semana de dúas singulares iniciativas culturais: a Noite Velada e a Batalla de Ponte Ledesma. Dous eventos de entrada libre e de balde, ata completar aforo.
Así, o campo do río de Ponte Ledesma acollerá mañá venres 2 de agosto, a partir das 21:30 horas, unha nova edición da “Noite Velada”. Esta iniciativa, organizada polo Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón, busca unir a tradición e a cultura baixo a imaxe dunha ponte histórica que volverá alumearse un ano máis coa luz das candeas e as teas.
A música correrá a cargo dos grupos locais Muxicas da Silveira e Raiera, así como do grupo Cantos da Terra. A entrada é totalmente libre e de balde, ata completar o aforo de butacas. Unha vez cuberto, o público asistente tamén pode seguir as actuacións de pe ou sentados no céspede co campo do río. Haberá postos de comida e bebida para as persoas que o desexen.
Recreación histórica
O mesmo escenario acollerá dous días despois, o domingo 4 de agosto, ás 20:00 horas, unha recreación da histórica “Batalla de Ponte Ledesma”, que enfrontou en marzo de 1809 á veciñanza liderada pola Xunta de Trasdeza e ás tropas napoleónicas e que se saldou con vitoria veciñal. Unha recreación na que participarán veciños e veciñas de Boqueixón, así como os “franceses” da Asociación Cultural Heroes de Casaldeirigo (Valga), todos eles dirixidos polo actor Suso Martínez e o músico Manoele de Felisa. A asistencia é libre e de balde.