O centro de interpretación do Pico Sacro de Lestedo (Boqueixón) quedou pequeno para acoller a presentación do libro “Tradición oral recuperada das tebras. Son contos… ou Historia?”, de Severino Fernández Abel e publicado pola editorial Medulia. O autor estivo acompañado polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato; o secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, e por Amancio Liñares Giraut, escritor e profesor de Xeografía e Historia.
Ovidio Rodeiro felicitou ao autor “por este entrañable libro” e destacou que “Severino ten unha innata paixón por aprender, dende ben pequeno, e un forte apego pola historia e a xeografía do concello de Boqueixón”, lembrando outros libros como “Unha matanza esquecida. Gastrar e Vigo (Boqueixón): historia dun escarnio durante a Primeira Guerra Carlista”.
“Tradición oral recuperada das tebras. Son contos… ou Historia?” recolle un total de 18 historias que mesturan a sinxela narración de vivencias, propias ou de achegados ao autor, coa indagación sobre contos de moi diversa procedencia. E é que, como recoñece o autor, os contos e historias arredor da lareira marcaron a súa infancia e a súa forma de entender o pasado da sociedade que nos rodea. Isto, unido á súa formación académica e profesional, foron os motivos polos que a partir desa tradición oral, co paso dos anos, se enganchou á querenza pola súa investigación histórica.
“Esta obra vén sendo, nin máis nin menos, o reflexo dunha afección polo conto popular, pero a narración non pode ficar nunha simple anécdota de repetida reprodución oral ou escrita. Un conto debe ser investigado na súa orixe e iso é o que se intenta neste traballo cun feixe deles, sacados tanto na beira da lareira coma ao longo do camiño persoal e profesional, pendurados na memoria social e agardando unha mirada agarimosa, mais crítica e realista, que dalgunha maneira os devolva ao presente”, apunta Severino Fernández, profesor na USC.