O Concello de Boqueixón vén de poñer en marcha o pasado domingo 21 de xullo o servizo “Boqueixogo Corresponsable 2024”, un servizo que ofrece actividades de ocio e lecer para a rapazada durante a Feira de Lestedo, que ten lugar cada 1º e 3º domingo de cada mes dende hai máis de 150 anos.
Trátase dunha iniciativa incluída no programa Plan Corresponsables 2024 para fomentar o desenvolvemento de actividades de conciliación da vida familiar e laboral. No caso concreto do Boqueixogo Corresponsable, o Concello busca facilitar tempos de descanso ás familias que realizan as súas compras no mercado ou que están traballando no mesmo.
A oferta incluirá xogos tradicionais (como a ra, a jenka, os bolos, xogos de mesa…) e algún que outro obradoiro como gloflexia en horario de 11:00 a 14:00 horas. O Boqueixogo desenvolverase paralelamente á Feira de Lestedo, polo que terá lugar o 4 e 18 de agosto, así como o 1 e 15 de setembro.
“Con esta iniciativa pretendemos que a rapazada do concello poida desfrutar duns intres lúdicos e divertidos en tanto que as súas familias traballan ou realizan outro tipo de tarefas”, apunta o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, quen destaca “a importante aposta que estamos facendo nos últimos meses pola conciliación no noso municipio”.
Un claro exemplo é o programa Verán Activo, que se desenvolve ata o 10 de setembro, e no que se admitiron as 118 solicitudes presentadas, de modo que ningunha familia quedou excluída. “Para facilitar a conciliación, dende o Concello reducimos nun 50% os prezos base da actividade con respecto ao 2023, ademais de establecer distintas bonificacións de acordo coa renda familiar que poden levar á gratuidade total”, apunta Ovidio Rodeiro.
A maiores, este ano o Concello de Boqueixón ofreceu tamén a posibilidade de contar cun novo servizo de comedor. “A acollida foi moi boa, pois puxémolo en marcha por primeira vez este ano e xa conta con 32 usuarios e usuarias”. Un servizo que se presta nas instalacións do CPI Antonio Orza Couto.
A feira-mercado de Lestedo é unha das máis antigas da comarca xa que se celebra dende fai 150 anos. Este mercado, que ten lugar o primeiro e o terceiro de domingo de cada mes entre as 09:30 e as 15:00 horas, conta habitualmente con 70 postos nos que se poden atopar produtos de alimentación, téxtil, calzado, plantas, etc. Ademais os clientes deste mercado, situado moi próximo ao Pico Sacro, poden desfrutar do tradicional polbo á feira, viño do país, así como doutros produtos da zona.