O campo do río de Ponte Ledesma acollerá este venres 2 de agosto, a partir das 21:30 horas, a oitava edición da Noite Velada. A entrada é totalmente de balde e as persoas que asistan desfrutarán das actuacións musicais dos grupos Cantos da Terra, Muxicas da Silveira e Raeira.
Esta iniciativa, organizada polo Concello de Boqueixón, vai facer desa noite do venres 2 de agosto unha xornada moi especial, case máxica, xa que a ponte e a contorna do río Ulla estarán iluminadas coa luz de 300 candeas e 50 teas. Por iso, a xente que se achegue a desfrutar da música vai tamén coñecer a riqueza patrimonial do municipio dun xeito diferente e único. Ademais, haberá postos de bebida e comida.
A Noite Velada busca aunar tradición e cultura. Trátase dunha posta en valor do patrimonio arquitectónico e cultural da zona, xa que falamos dunha ponte cun gran peso, tanto histórica como arquitectonicamente falando, dado que algúns estudosos afirman que por Ledesma puido discorrer a famosa vía romana XIX do itinerario de Antonino, que procedía desde A Estrada no seu camiño cara a Santiago. Por iso sempre se fai referencia á posible orixe romana da ponte de Ledesma que, dous días máis tarde (o domingo 4 de agosto, ás 20:00 horas), acollerá a recreación histórica da Batalla de Ponte Ledesma.