Os alcaldes de Boqueixón e Vedra, Ovidio Rodeiro e Carlos Martínez, presentaron o programa “Correntes do Ulla”, que encherá Boqueixón e Vedra de actividades de ocio e tempo libre na natureza durante este verán. Iso si, as prazas son limitadas polo que é obrigatorio anotarse previamente. As inscricións abriranse o 5 de xuño en www.boqueixon.gal.
O 29 de xuño terá lugar o Descenso do Ulla en kaiak, do Campo do Río de Ponteledesma á área recreativa de Agronovo. O prezo é de 25€ (kaiak de 2 persoas, chaleco salvavidas e seguro). Dirixido a maiores de 13 anos.
En xullo, a Escola de Pesca de David Arcay, campión do mundo de pesca con mosca, celebrarase os días 10 e 11 nas áreas recreativas de Agronovo e Sucira, respectivamente. E do 15 ao 26 de xullo, nova edición do campo de voluntariado “Unindo Roteiros”, unha iniciativa de recuperación medioambiental e etnográfica dirixida á mocidade entre 18 e 30 anos. Colabora a Dirección Xeral de Xuventude.
O 28 de xullo terá lugar un paseo en bici polo Val do Ulla. Un roteiro circular de 30 km con saída ás 10:00 horas da área de recreo de Castilláns (xunto ao Pazo de Santa Cruz de Ribadulla) e avituallamento en Ponte Ledesma.
Finalmente, as andainas do programa “Goza do Ulla” volven:
- o 20 de xullo, Roteiros de Pescadores, con saída ás 10:00 horas do Campo do Río de Ponte Ledesma ata Codeso-San Paio (9,6 km de dificultade media-baixa).
- o 4 de agosto, Do Couto de Ximonde a Pontevea, con saída ás 10:00 horas do Couto de Ximonde ata a ponte medieval de Pontevea, Reis (Teo). Son 10 km de dificultade media.