A estrea do novo parque infantil do campo da festa de Lestedo foi todo un éxito tanto pola gran cantidade de familias que se congregou como polo interese que as crianzas amosaron diante dos novos xogos, especialmente da gran tirolina que cruza toda a instalación. O interese foi tal que o parque estivo sempre cheo, incluso durante o desenvolvemento do espectáculo “Brinca vai!”.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, agradeceu a asistencia da veciñanza para desfrutar “dunhas novas instalacións dirixidas a nenos e nenas de 0 a 14 anos, se ben a tirolina pode ser utilizada por persoas de maior idade. É un parque con moitos espazos entre os distintos xogos. Iso é así para cumprir coa normativa de seguridade”. Unha actuación na que o Concello de Boqueixón investiu máis de 90.000 euros.
Rodeiro Tato lembrou tamén que “este ano imos destinar 30.000 euros dos orzamentos municipais a arranxar todos os parques infantís de Boqueixón e procederemos a redactar tamén o proxecto de mellora do parque infantil do CPI Antonio Orza Couto”. De feito, o Concello de Boqueixón xa fixo melloras nos xogos do parque infantil do colexio do Forte en 2023, polo que queda pendente o arranxo da superficie de xogo, deteriorada polo uso.
Con estas actuacións, o Concello de Boqueixón terá mellorado todos os parques infantís do municipio, despois da construción dun parque cuberto no CRA de Sergude e a cubrición e mellora dos parques das escolas unitarias de Lestedo e Camporrapado.
Novo parque de Lestedo
O novo parque infantil de Lestedo duplica a zona de xogos dispoñible anteriormente, cun novo espazo onde destacan unha gran tirolina e un columpio múltiple, con cinco asentos adaptados a distintas idades (dous asentos planos en caucho para crianzas a partir dos 3 anos; dous asentos berce para crianzas menores de 3 anos; e un asento cesto para grupos). Así mesmo, conta cunha torre tobogán composta por tres torres con pasarela, rede e dous tobogáns dirixidos a nenos e nenas de entre os 4 e os 14 anos.
Tres xogos de muelles completan o equipamento do novo parque infantil de Lestedo, cuxo perímetro está totalmente valado e cun pavimento de lousas de caucho especialmente deseñado para amortecer calquera tipo de caída. A súa construción é froito da demanda veciñal e do crecemento da localidade, onde se concentran moitos nenos e nenas.