O salón de plenos do Concello de Boqueixón acolleu esta mañá a tradicional lectura do manifesto con motivo do Día da Muller, no que participaron integrantes da corporación municipal, presididos polo alcalde Ovidio Rodeiro, traballadores/as municipais e veciñanza. Un manifesto ao que deu lectura a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ángela Conde, acompañada polo persoal técnico do Centro de Información á Muller e a coordinadora das actividades de conciliación familiar.
Ángela Conde destacou que “avanzouse moito, pero somos conscientes que aínda queda moito por facer, e sen dúbida os Concellos xogamos un papel esencial para lograr a igualdade real tan necesaria que todos desexamos”. Neste sentido, asegurou que “dende o Concello de Boqueixón fago un chamamento á acción ás nosas comunidades para que se unan en solidariedade coas mulleres de todo o mundo e traballen xuntos para crear un futuro máis xusto e igualitario para todas as persoas, independentemente do seu xénero. Desde o ámbito local comprometémonos a seguir impulsando os avances que consigan alcanzar unha sociedade mellor, máis equitativa, en definitiva, máis democrática”.
Exposición
Tras o manifesto expuxéronse os traballos que con motivo do 8M fixeron as crianzas que participan nas actividades de conciliación do Concello de Boqueixón en colaboración co Plan Corresponsables (Madrugadores e Tardes educativas e de Lecer):
- Un libro de mulleres galegas relevantes
- Unha muller confeccionada con simboloxía do 8M e adornado con frases elaboradas pola rapazada dedicadas á muller.
Tanto a figura da muller como o libro elaborados pola rapazada de Boqueixón estarán expostos na casa do concello de Boqueixón durante todo o mes de marzo para que poidan ser vistos por toda a veciñanza.
O Concello de Boqueixón continuará este domingo 10 de marzo coa súa programación especial para conmemorar o Día da Muller. Así, o domingo terá lugar a segunda edición da andaina “No camiño da igualdade”, 14 km entre o campo da Festa de Ponte Ulla e A Susana, seguindo o Camiño de Santiago.
Esta programación especial rematará o venres 22 de marzo cunha sesión de Teatro pola Igualdade. Trémola Teatro porá en escena o contacontos “O mundo ao revés” no ximnasio municipal do Forte, de 15:30 a 16:15 horas. Aínda é posible anotarse en: https://forms.gle/CcPWpsudr3oQVirB6