O Concello de Boqueixón informa de que a Xunta adxudicou as obras de mellora da drenaxe da estrada autonómica AC-960 en Camporrapado, no concello de Boqueixón. Esta intervención, adxudicada á empresa Hermanos Couto Fandiño S.L. por 48.358 euros, comezará nas vindeiras semanas, sempre que as condicións meteorolóxicas sexan favorables.
Na actualidade, en episodios de fortes chuvias prodúcense problemas de drenaxe da auga da estrada neste treito, ocasionando embolsamentos de auga que poden afectar á circulación rodada e peonil pola estrada. O nivel da auga, ademais, pode chegar ata vivendas e comercios. Mediante este contrato intervirase na mellora da drenaxe a través da substitución das actuais canalizacións de pluviais por unhas de maior capacidade, na vía autonómica e nunha estrada municipal que entronca nese treito da AC-960.
Nesta actuación, tamén se procederá á renovación dos sistemas de recollida das augas pluviais. Os traballos consistirán na instalación das novas canalizacións cunha tubaxe de 125 metros de lonxitude de PVC diámetro 315 mm na estrada AC-960, e de 140 metros de tubaxe de PVC de diámetro 400 mm no viario municipal, onde se conectará a unha rede existente para o seu desaugue. Executaranse tamén os seus pozos correspondentes.
Para a recollida das augas superficiais prevese a colocación de tapa con reixa nos pozos a executar na estrada autonómica, a execución de 6 sumidoiros no vial municipal e a instalación de 6 metros de caz con reixa. A intervención rematarase coa reposición ao seu estado previo os pavimentos da estrada.