Por Resolución do 14 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral de Igualdade, regúlanse as bases para a concesión no ano 2024, da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. SI434A
Persoas beneficiarias
- Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor, ou no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación e/ou de explotación.
- Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións:
- a) Estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia, e, no caso de mulleres estranxeiras, ter residencia legal en España.
- b) Ter cesado a convivencia co agresor ou a vinculación coa/s persoa/s que mantivese/n sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación, no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude, e que o documento acreditativo da situación de violencia de xénero fora adoptado ou emitido no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude, este intervalo non será de aplicación no caso de violencia vicaria ou violencia por interpósita persoa.
- c) Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación, e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias
Importe
A contía das axudas establécese en función das rendas e ingresos da solicitante da axuda en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, e en atención ao número de fillas e fillos menores ou menores en acollida a cargo, así como o grao de discapacidade da solicitante e/ou dos menores a cargo, de ser o caso; nun abano que vai dende 200 euros/mes ata 800 euros/mes; e ata un máximo de doce mensualidades.
Prazos
O prazo de presentación de solicitudes abarca ata o 31 de decembro de 2024.
Máis información no teléfono 981 513061, CIM de Boqueixón, enderezo electrónico cim@boqueixon.com ou ben no teléfono 881 999 164, enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal.