O Concello de Boqueixón informa de que a Xunta abriu o prazo para participar no programa Xuntos polo Nadal, dirixido a maiores de 60 anos que viven sos e non teñen con quen pasar esas datas festivas. Esta nova edición ofrece 270 prazas totalmente gratuítas repartidas nas dúas Residencias de Tempo Libre (RTL) coas que conta a Consellería de Política Social e Xuventude: a do Carballiño e a de Panxón, en Nigrán.
O programa é totalmente gratuíto e inclúe estadías en réxime de pensión completa, actividades para todos os días e desprazamento en autobús desde as distintas cidades galegas. O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 8 de decembro e poderá realizarse de xeito online a través do formulario da páxina web da Consellería de Política Social ou presentando a documentación necesaria en calquera dos lugares habilitados como rexistros da Administración autonómica.
Este ano as estadías serán de quince días, desde o 24 de decembro e ata o 7 de xaneiro ambos os dous incluídos. O programa de actividades é variado e está adaptado aos gustos e aos recursos tanto patrimoniais como culturais da zona. Inclúe propostas como actuacións musicais, sesións de cine, bailes, obradoiros, campionatos de cartas, excursións, sesións de risoterapia e de ximnasia entre outras moitas.
As persoas beneficiarias deben cumprir os seguintes requisitos:
- ter 60 anos cumpridos no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes
- estar empadroado nalgún concello galego
- vivir só no seu domicilio
- pasar só/a as datas do Nadal
- valerse por si mesmo e non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio, nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da estadía
O programa inclúe os seguintes servizos:
- Estancia na residencia durante 15 dias (14 noites)
- Aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa.
- Desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan nas localidades que corresponda (Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo ou Ourense) ata a residencia de tempo libre que se lle adxudique e viceversa.
- Actividades de animación sociocultural.