A Casa da Cultura de Camporrapado acollera nos tres primeiros domingos de novembro, ás 17:30 horas, unha actuación do ciclo de teatro afeccionado BocAberta, organizado polo Concello de Boqueixón en colaboración coa Deputación da Coruña e a Asociación Club de Maiores de Boqueixón. Unhas sesións dirixidas a todos os públicos e cuxa entrada será completamente libre e de balde.
O ciclo comezará o vindeiro domingo 5 de novembro con «A conexión augardente», do Grupo de Teatro de Maiores do Centro social de Vedra. Trátase dunha historia de amor, detectives e asasinatos, como eles mesmos a describen.
Para o domingo 12 de novembro está prevista «O boleto premiado», obra da Asociación Cultural Pedroso (Narón), unha divertida comedia que fai bo o dito de que os cartos non dan sempre a felicidade.
Finalmente, o 19 de novembro será a quenda de Andaravía Teatro (Vedra), que pechará o ciclo poñendo en escena «Xacovedra», un espectáculo de variedades con cancións e sketches sobre o presente e o futuro do Xacobeo.