Outubro é mes de teatro en Boqueixón. Unha vez máis, o ciclo de Teatro de Outono abre as súas portas nos tres primeiros sábados de cada mes no auditorio da Casa da Cultura de Camporrapado, ás 19:00 horas. O Concello de Boqueixón, coa colaboración da Deputación da Coruña, ten programadas tres sesións de teatro profesional gratuítas, dirixidas a un público maior de 14 anos e de entrada libre.
A primeira actuación terá lugar este mesmo sábado 7 de outubro: Bernarda, unha premiada obra de Malasombra Produccións que mestura o drama co humor. A obra narra a historia de Bernarda, que queda viúva o mesmo día da morte de Franco. Mentres no exterior da casa hai multitude de cambios, Bernarda ten decretado estado de loito para ela e as súas dúas fillas, que durante dous anos non poderán ver a TV, nin escoitar a radio nin saír da casa…
O sábado 14 de outubro será a quenda de Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega, que presentará en Camporrapado a súa obra “Conexión Pingüín”, unha reflexión cómica sobre a incomunicación na era da comunicación. Entre o elenco de artistas figura Luís Iglesia Besteiro, coñecido polo seu papel de “Carmelo” na serie da TVG “Matalobos”.
Finalmente, o sábado 21 de outubro, Vero Rilo e Santi Cribeiro presentarán “Tralalareira”, un espectáculo de narración oral e música para un público adulto.