O programa “Un mes e Pico. O Pico Sacro na literatura” chega á súa fin cunha das actividades más concorridas: a Cerimonia do Lume Sagrado, que regresará este domingo 18 de xuño, ás 13.00 horas, ao cumio do monte sagro despois de tres edicións sen celebrarse. Así, as tribus celtas de Boqueixón e Callobre, encabezadas pola Raíña Alda, porán en escena a tradición ancestral coa que se daba a benvida ao Solsticio de Verán.
Unha actividade organizada polo Concello de Boqueixón, en colaboración coa Asociación Cultural Mestre Gacio (que porá a música a través de Luz do Ilicinio) e a Asociación do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada), as tribus celtas encontraranse na base o Pico Sacro e despois desprazaránse ata a Capela de San Sebastián, onde terá lugar a Cerimonia do Lume Sagrado. Dende o Concello boqueixanés animan á veciñanza e visitantes a sumarse a esta posta en escena, achegándolles a vestimenta e todo o material preciso para sumárense á representación. Para tomar parte como integrantes do séquito da Raíña Alda, só será preciso formalizar a asistencia como figurantes voluntarios no Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón (boqueixonturismo@gmail.com ou 981 513 061).
Na Cerimonia do Lume Sagrado, os presentes empregarán a forza do Sol para acender o lume co que se iluminará a noite de San Xoán en Boqueixón, e que despois poderá solicitarse para facer as distintas cacharelas.
Conferencia de Xosé Manuel Lobato
Un día antes, o sábado 17 de xuño, a capela de San Sebastián acollerá a conferencia “O Pico Sacro, magnetismo literario”, a cargo de Xosé Manuel Lobato, doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, escritor, profesor e veciño de Boqueixón que ten escrito varios libros nos que o Pico Sacro está sempre presente. A conferencia terá lugar a partir das 19:00 horas e a asistencia é gratuíta. Como o número de prazas é limitado, será preciso inscribirse no Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón (boqueixonturismo@gmail.com ou 981 513 061).