O Centro de Interpretación do Pico Sacro acollerá este venres 26 de maio, a partir das 19:00 horas, un dobre acto dentro do programa “Un mes e Pico”:
- a presentación do conto “Lupiña e o seu bosque máxico”, por parte da súa autora Raquel Sánchez Mella
- unha sesión de contacontos para nenos e nenas.
A participación é totalmente de balde, se ben o número de prazas é limitado polo que é imprescindible inscribirse previamente no Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón: 981 513 061 ou boqueixonturismo@gmail.com.
“Lupiña e o seu bosque máxico” é un conto infantil editado polo Concello de Boqueixón en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Na súa presentación estarán presentes a súa autora, Raquel Sánchez Mella, e o seu ilustrador, Gabriel Iglesias Sanmartín, que serán introducidos polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín. Ao rematar a presentación haberá entrega de exemplares ás persoas asistentes e sinatura dos mesmos por parte da autora.
Así mesmo, as instalacións do Centro de Interpretación do Pico Sacro acollerán un contacontos infantil para nenos e nenas para achegarse dun xeito lúdico á lenda da Raíña Lupa e a súa relación co Pico Sacro.