ORDE do 13 de maio de 2014 pola que se convocan axudas económicas para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG. 19 de maio de 2014).
Obxecto da convocatoria: Convocar axudas económicas para a realización da formación práctica en centros de traballo (FCT) nas seguintes modalidades:
Modalidade A. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional inicial, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas de cualificación profesional inicial e que realice a FCT dentro do territorio español.
Modalidade B. Alumnado matriculado en ciclos formativos de grao medio ou superior de formación profesional inicial ou nun ciclo formativo de artes plásticas e deseño e que realice a FCT en países da Unión Europea.
Requisitos: Poderá concorrer o alumnado matriculado en centros públicos desta comunidade autónoma e o alumnado matriculado en ensinanzas concertadas coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que estea cursando o derradeiro curso dun ciclo formativo de grao medio e superior de formación profesional inicial, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas e programas de cualificación profesional inicial. O alumnado que concorra deberá rematar o período de formación práctica en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2014.
Documentación: Solicitude normalizada segundo o anexo I desta orde, declaración do domicilio de residencia durante o período de realización da FCT, fotocopia do DNI.
Prazo: Convócanse dous períodos de presentación de solicitudes:
Primeiro prazo, 31 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde, para o alumnado que realizase a FCT nos períodos outubro 2013-marzo 2014, e nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2014. Todo o alumnado deste prazo deberá rematar o período da FCT antes do 31 de agosto de 2014. Tamén o alumnado matriculado no 1º curso do réxime ordinario ou no 2º curso do réxime integrado dun programa de cualificación profesional inicial no curso 2013/14.
Segundo prazo será o comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2014, para o alumnado de ciclos formativos a que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2014 e o alumnado matriculado nun programa de cualificación profesional inicial que realice a FCT no período extraordinario de setembro de 2014. Este alumnado deberá rematar o período de formación en centros de traballo antes do 31 de decembro de 2014. O alumnado que teña horario flexible con autorización da dirección xeral e remate despois do 31 de decembro de 2014 acollerase á seguinte convocatoria de axudas.
Lugar de presentación de solicitudes: Toda esta documentación xerarase a través da aplicación informática www.edu.xunta.es/fct. As solicitudes só se poderán presentar no centro educativo onde o alumnado estea matriculado.
Contía da axuda:
a) O alumnado que realice a FCT na modalidade A percibirá ata un máximo de 186 €. A contía de cada alumno/a será en función do número de xornadas realizadas no módulo de FCT do ciclo correspondente.
b) O alumnado que realice a FCT na modalidade B percibirá a axuda tendo en conta os criterios seguintes:
País: Bulgaria, Eslovaquia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, Malta, Romanía. Contía: 100 euros. Contía por semana: 60 €
País: Alemaña, Bélxica, Chipre, Croacia, Eslovenia, Grecia, Holanda, Luxemburgo, Portugal, República Checa. Contía: 150 €. Contía por semana: 100 €
País: Austria, Dinamarca, Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Reino Unido, Suecia. Contía: 200€. Contía por semana: 125 €.
+INFO: http://www.xunta.es/dog/Publicados/2014/20140519/AnuncioG0164-140514-0001_gl.pdf