“Convidamos a toda a cidadanía a participar nos actos organizados con motivo do 8M, así como aquelas accións e iniciativas que reivindique a igualdade e contra a violencia contra as mulleres”. Con estas palabras remataba hoxe o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, a lectura da declaración institucional con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. Un acto conmemorativo que, por mor da choiva, tivo lugar no salón de plenos, onde o alcalde estivo acompañado polos traballadores e traballadoras municipais, así como por representantes políticos.
Fernández Munín fixo fincapé en que “desde o Concello de Boqueixón debemos seguir co compromiso de construír unha sociedade igualitaria, que garanta os dereitos de todas as persoas, así como a participación activa na vida local”. Por iso, animou a sumar vontades para intensificar os esforzos no desenvolvemento de políticas encamiñadas a fomentar o emprego, o empoderamento e a educación para a igualdade de oportunidades; a incorporar a perspectiva de xénero en toda a actividade local e establecer unha coordinación adecuada entre as diversas áreas dos gobernos locais. Actualizar os sistemas e protocolos de actuación no desenvolvemento das políticas de igualdade en coordinación con todas as entidades implicadas; a expor sistemas de recompilación de datos desagregados para comprender e abordar as desigualdades de xénero para que, da súa análise, podamos ofrecer unha resposta apropiada e eficaz; e ampliar o sistema de atención ás vítimas de todas as formas de violencia machista contra as mulleres no marco das nosas competencias, avanzando na mellora dos sistemas de detección temperá, situando no centro de todas as medidas os dereitos das vítimas e o seu empoderamento, e atendendo ao recoñecemento ao dereito de reparación das vítimas.
Podes consultar a Declaración Instituciona premendo aquí.