O Concello de Boqueixón informa de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe martes a convocatoria deste ano das subvencións dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais (incluídas confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños), comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais. A Xunta mantén a dotación de 3 millóns de euros do ano pasado co obxectivo de garantir a actividade destes colectivos para mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar a participación veciñal e a cohesión social, contribuíndo deste xeito a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza.
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as asociacións de veciños; confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños; comunidades de usuarios de augas inscritas no rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais de Galicia para realizar investimentos (tanto de obra como de equipamentos), en inmobles da súa titularidade ou dos cales lles corresponda o dereito de uso, e traídas de auga veciñais.
As entidades deberán estar debidamente inscritas no correspondente Rexistro de Asociacións central ou provincial da comunidade e conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociacións de veciños ou como asociación de mulleres rurais, segundo o caso. No caso das comunidades de usuarios de augas tamén deberán estar legalmente constituídas e inscritas no libro do Rexistro de Augas do correspondente organismo de bacía como titulares do aproveitamento de augas para o cal solicitan subvención.
Accións subvencionables
Entre os proxectos subvencionables inclúense dúas liñas:
- unha dotada con 2,5 millóns de euros para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas.
- os 500.000 euros restantes da outra liña financian a adquisición de equipamento necesario para o funcionamento das organizacións beneficiarias. En concreto, mobiliario, material de oficina, equipamento informático ou acústico e audiovisual ademais doutros recursos para actividades específicas.
As axudas económicas que se concedan poderán acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras, e de 5.000 euros para a dotación de equipamentos.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal no prazo dun mes desde mañá. A orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación das solicitudes presentadas segundo os criterios de valoración establecidos na mesma.