O salón de plenos do Concello de Boqueixón acolleu a reunión de avaliación final e peche do programa de voluntariado xuvenil “Val do Ulla 2022”, levado a cabo entre os concellos de Vedra e Boqueixón. Un programa no que participaron un total de 20 mozos e mozas, de entre 16 e 25 anos.
O acto contou coa presenza do alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cristina Pichel; a concelleira de Cultura, Xuventude e Voluntariado de Vedra, Diana Varela; e o técnico de Voluntariado de Boqueixón, Pascual Villaverde.
Cristina Pichel puxo en valor que este proxecto, que reúne a mozos de Vedra e Boqueixón, está apoiado pola Xunta de Galicia no marco das axudas de voluntariado. Así mesmo, lembrou que o Goberno galego segue apostando polo voluntariado por permitir fomentar un ocio responsable e unha aprendizaxe non formal entre a xuventude.