A Casa do Concello de Boqueixón acollerá a xornada de presentación dos Cursos gratuítos en competencias dixitais para mulleres organizados ao abeiro do programa Muller Dixital, financiado por fondos Next Generation da Unión Europea e promovido pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Unha presentación que terá lugar o próximo martes 8 de novembro, ás 10:00 horas.
Os cursos están dirixidos a mulleres en situación de desemprego ou inscrita como demandante de mellora de emprego. Unhas alumnas que recibirán unha formación gratuíta de 40 horas en competencias dixitais, que dará dereito a un certificado expedido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade así como ao agasallo dunha tablet de última xeración ao finalizar o curso.
Toda a información dos cursos será ofrecida na xornada de presentación do 8 de novembro, se ben tamén se pode consultar o sitio web www.mullerdixital.gal.