Completar a peregrinación do trazado galego da Vía da Prata, desde A Mezquita ata Santiago de Compostela. Este é o reto que propón a Instalación Interactiva Vía da Prata, que estará na área do parque infantil de Lestedo (Boqueixón) dende hoxe martes 13 ata o vindeiro martes 20 de setembro.
A Instalación Interactiva Vía da Prata foi visitada esta mañá polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e o concelleiro de Turismo e Desenvolvemento Local, José Manuel Canabal Vázquez. A instalación ten como obxectivo divulgar os principais recursos turísticos da Vía da Prata dunha forma lúdica e diferente. Así, o proxecto inclúe algúns dos elementos máis destacados do extenso catálogo patrimonial deste Camiño, desde espectaculares contornas naturais, ata elementos da cultura popular, recursos gastronómicos e monumentos. Elementos patrimoniais que son promocionados dunha forma interactiva, apostando pola diversión e invitando á participación de veciños e veciñas de todas as idades.
Xogo de habilidade
A peza central da instalación é un xogo de habilidade deseñado en madeira e metacrilato. A persoa usuaria debe servirse de dúas cordas para dirixir a un peregrino de madeira e lograr que traslade unha pequena pelota desde A Canda ata Compostela, completando así o trazado da Vía da Plata. Maña e atención son fundamentais para evitar que os atractivos que o peregrino atopará ao longo da ruta o atrapen, impedindo que complete o seu Camiño.
A estrutura do xogo conta con dúas partes. No seu panel inferior, traslada a través de ilustracións algúns dos puntos de interese máis destacados da Vía da Prata: desde o triángulo máxico do Entroido ourensán ata o Mosteiro de Oseira, a empanada de Bandeira ou o Pico Sacro, símbolo indiscutible do Concello de Boqueixón. O panel superior, elaborado en metacrilato e con múltiples orificios, describe o propio trazado do Camiño, que os usuarios deben seguir, evitando caer atrapados nos buratos das ilustracións.
A fin de afondar na promoción dos atractivos turísticos dos territorios incluídos na Vía da Prata, a instalación complétase con paneis expositivos que, a través de fotografías e pequenos textos en galego e inglés, amplían a información e explican as distintas ilustracións contidas no xogo.
A Instalación Interactiva Vía da Prata percorrerá o Camiño ao longo das próximas semanas, facendo parada en cinco municipios das tres provincias polas que discorre esta ruta xacobea. O proxecto está apoiado polo programa O Teu Xacobeo, da Xunta de Galicia.