A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitaron recentemente Boqueixón para coñecer as actuacións levadas a cabo no parque infantil do CRA de Sergude. Unha visita na que estiveron guiados polo alcalde, Manuel Fernández Munín, e polo concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias Gómez.
As obras, realizadas ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público da Xunta, supuxeron unha achega de 35.000 euros por parte da Xunta. Uns cartos que permitiron renovar o parque infantil, coa instalación dunha cuberta de 156 m2 e dun novo pavimento, a prol dun maior confort e seguridade da rapazada. Ademais, o espazo dotouse cun conxunto de xogos infantís composto por dous resortes individuais, un bambán dobre de aceiro inoxidable e un conxunto torre de xogos realizado en madeira de piñeiro.
Esta actuación vén completar as xa desenvolvidas nos parques infantís de Lestedo e Camporrapado, nos que tamén se instalaron cubertas co apoio da Xunta. A directora xeral sinalou a importancia destas accións para ofrecerlles á rapazada e ás familias un espazo de lecer seguro e que poida ser utilizado ao longo de todo o ano. Segundo apuntou, este é o principal obxectivo da Orde infraestruturas de uso público, facilitarlles ás administracións locais e á cidadanía unhas axeitadas infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.