Un total de 141 rapaces e rapazas de Boqueixón e Vedra, de idades comprendidas entre os 9 e os 16 anos, participaron durante esta semana nos Campamentos de Verán 2022, organizados conxuntamente polos Concellos de Vedra e Boqueixón como medida de conciliación familiar e para facilitarlle a mocidade a participación en actividades educativas e de tempo libre durante estes primeiros días de vacacións escolares.
Uns campamentos que tiveron lugar nas Rías Baixas entre o 22 e o 29 de xuño, é dicir, entre o día seguinte á finalización do curso escolar e o día de onte. A rapazada de Vedra e Boqueixón distribuíuse en dous grupos: infantil (para nenos e nenas entre 9 e 12 anos) e xuvenil (rapaces e rapazas de entre 13 e 16 anos). Durante estes días, desfrutaron de todo tipo de actividades acuáticas, multiaventura, culturais e de natureza.
Intercambio xuvenil
A maiores, este ano contouse coa participación doutros 25 mozos e mozas chegados de Ibiza, de entre 16 e 18 anos de idade, e que forman parte dun intercambio acordado entre os Concellos de Boqueixón, Vedra e Ibiza. Estas 25 persoas, acompañadas por dous monitores, aproveitaron para coñecer os municipios de Vedra e Boqueixón, así como algúns dos puntos máis importantes de Galicia. Esta visita é a antesala da viaxe que unha trintena de mozos e mozas de Vedra e Boqueixón fará a Ibiza do 5 ao 12 de xullo.