O Concello de Boqueixón informa de que a Xunta de Galicia publica hoxe xoves no DOG a resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do novo Programa do bono alugueiro mocidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2022. Estas subvencións están dirixidas a persoas de entre 18 e 35 anos que teñan a súa residencia habitual nunha vivenda ou habitación en réxime de alugamento ou de cesión de uso.
As axudas concederanse por un período de 2 anos e cun importe de 250 euros (sempre que non supere a contía da renda mensual). De igual xeito, as persoas solicitantes deberán acreditar que dispoñen dunha fonte regular de ingresos e estes non poderán superar 3 veces o Iprem, é dicir, 24.318,84 euros anuais.
A partir de mañá, venres, as persoas que reúnan os requisitos económicos, de idade e todos os que se recollen na propia convocatoria poderán solicitar esta subvención, un trámite que terán que facer, obrigatoria e necesariamente, por medios electrónicos. Para isto, deberán presentar o correspondente formulario de solicitude na sede electrónica da Xunta, realizar unha serie de declaracións responsables (8 en total) así como cumprimentar os anexos correspondentes.
A maiores, os solicitantes do bono terán que achegar pola mesma vía a seguinte documentación complementaria:
- Contrato de alugamento da vivenda ou de habitación ou contrato de cesión de uso.
- Referencia catastral do inmoble, se non figura no contrato.
- Documento asinado polo arrendador no que conste o importe da renda ou prezo de cesión individualizado, no caso de que se inclúan gastos de comunidade e/ou anexos, cuxo importe non estivese desagregado.
- Certificado ou volante de empadroamento colectivo no que consten as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda en cuestión; ou ben certificado individual, se na vivenda reside unicamente o solicitante.
- Documentación xustificativa da fonte regular de ingresos da persoa solicitante.
No caso de que o solicitante teña dereito ao recoñecemento da axuda con carácter retroactivo (desde a data de sinatura do contrato de alugueiro ou cesión, pero nunca con efectos anteriores ao 1 de xaneiro de 2022) tamén deberán presentar estrato ou certificado bancario que acredite o pagamento da renda nas mensualidades anteriores á solicitude, e no caso de que o pago íntegro fose realizado por unha única persoa en nome das restantes, un escrito de conformidade dos outros arrendatarios.
Por último, se o solicitante aínda non ten asinado ningún contrato pero está en condicións de subscribilo, tamén poderá pedir o bono alugueiro mocidade e optar á súa concesión nas mesmas condicións. Para isto, deberá achegar xunto coa súa solicitude electrónica un compromiso, asinado por arrendador e arrendatario ou arrendatarios, da formalización dun contrato de alugamento ou cesión de uso no que se faga constar o importe da renda ou do prezo da cesión individualizado; o concello no que se localiza a vivenda; a referencia catastral do inmoble; as persoas arrendatarias que subscribirán o futuro contrato; e a data a partir da cal terá efectos económicos.