Unha vintena de persoas participaron este sábado na primeira das dúas xornadas de baixadas espeleolóxicas ás covas do Pico Sacro, unha iniciativa incluída no ciclo “Un mes e pico” que promove o Concello de Boqueixón. O alcalde, Manuel Fernández Munín, e o concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias, acompañaron ás primeiras persoas que realizan esta actividade.
“Era unha idea que tiñamos en mente todos dende o primeiro día que empezamos a facer este ciclo: a posibilidade de que a xente que o desexe poida baixar ás covas do Pico Sacro”, explica Fernández Munín, quen salienta que “son unhas visitas seguras, guiadas por instrutores da Federación Galega de Espeleoloxía e que serven para poñer en valor o noso patrimonio e, sobre todo, o Pico Sacro”.
As baixadas tiveron lugar ás 11:00 e ás 16:30 horas, cunha duración de algo máis de tres horas. Durante a primeira hora, as persoas participantes reuníronse no Centro de Interpretación do Pico Sacro, onde puxeron os buzos e recibiron unha formación personalizada sobre como utilizar os arneses, as cordas e a escaleira de baixada por parte de instrutores da Federación Galega de Espeleoloxía.
Despois, o grupo desprazouse ata a cova no Pico Sacro, a onde foron baixando de xeito individual ata quedaren catro ou cinco no fondo. Despois este grupo subiu e foi baixando o resto de persoas participantes, sen que se producira incidente ningún e cunha gran satisfacción por parte de todas as persoas que tomaron parte, procedentes non só de Boqueixón, senón tamén de concellos da contorna como Ames ou Santiago, especialmente. De feito, xa non quedan prazas libres para a próxima cita, que será o sábado 18 de xuño, aínda que o alcalde xa adianta que “buscaremos a maneira de facer máis baixadas ás covas, visto o éxito que tivo esta convocatoria”.
Cerimonia do lume sagrado
Por outra banda, esta domingo e despois de dous anos interrompida pola pandemia sanitaria, o cumio do Pico Sacro recuperará a Cerimonia do Lume Sagrado. Será o 19 de xuño, ás 13:00 horas, coa actuación de Luz do Ilicinio e Raiola, da Asociación cultural Mestre Manuel Gacio, e da Asociación do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada). A participación é totalmente de balde, se ben é necesario anotarse previamente no Departamento de Turismo de Boqueixón, en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061.
Ademais, o Concello de Boqueixón ofrece a posibilidade de deixarlles o vestiario axeitado para aquelas persoas que desexen participar na Cerimonia cos traxes tradicionais da época. Para iso, só é preciso indicalo no momento da inscrición na actividade.