O Concello de Boqueixón informa de que a partires de hoxe venres 29 de abril quedan prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia. Isto implica que, dende xa, a Xunta non dará máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir deste momento. Só quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos.
A Consellería do Medio Rural tomou a decisión tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume. Así mesmo, a Xunta pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde este sábado e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal para particulares.
A Consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.