O Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela, do que forma parte o Concello de Boqueixón, organiza unha xornada de sensibilización sobre o SICTED, un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo e apoiado pola Federación Española de Municipios e Provincia. A sesión formativa terá lugar na Casa da Cultura de Negreira (Carreira de San Mauro, 11) mañá mércores 27 de abril, ás 17:00 horas.
Un proxecto levado a cabo polo GDR Terras de Compostela entre os anos 2019 e 2021 e que terá continuidade no ano 2022. A xornada de sensibilización de Negreira está dirixida a empresas e profesionais vencelladas ao sector turístico (hoteis, restaurantes, empresas alimentarias visitables, centros de interese turísticos, axencias de viaxes…) para darlles a coñecer a metodoloxía do proxecto SICTED, presentarlles os beneficios deste sistema de calidade e convidalos a integrarse e participar.
Entre 2019 e 2021, o SICTED ofreceu formación a 30 empresas vencelladas ao sector turístico, cuxos empregados foron formados e titorizados para mellorar as súas cualificacións profesionais de cara a mellorar a calidade do servizo que prestan. Ademais, 26 destes establecemento obtiveron unha certificación coa distinción SICTED.