O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe as instalacións de PSVET, consultaría veterinaria en Boqueixón especializada no control da calidade hixiénico-sanitaria do leite e que está a impulsar, grazas ao programa Galicia Exporta Dixital, a súa presenza en novos mercados cun proxecto de activación e vinculación de novas plataformas e de creación e adaptación de tendas e catálogos online.
“PSVET é unha mostra do bo facer das nosas pemes, que están a impulsar as súas vendas ao exterior ata o punto de que o último ano ten sido histórico para as exportacións galegas”, destacou Guldrís. Neste sentido, no 2021, as exportacións da Comunidade superaron os 25.000 millóns de euros, o que supón un novo teito histórico e un incremento do 21,1% con respecto ao ano anterior. Cifras ás que cabe sumarlle outras como o incremento do número de empresas exportadoras galegas, que marcan tamén neste período un novo récord chegándose ás 9360, un 31,5% más que en 2020.
Unha boa marcha das vendas ao exterior de Galicia na que ten xogado un papel moi importante a provincia da Coruña, que durante o 2021 rozou os 11.500 millóns exportados, batendo o récord histórico e logrando exportar un 32,3% máis que no ano anterior, converténdose así na provincia galega que máis medrou no acumulado do ano. Ademais, A Coruña pechou o ano con 3.733 empresas exportadoras (un +41,3% con respecto a 2020), das cales 764 son exportadoras regulares (+11,2%).
Neste marco, Guldrís puxo en valor a cooperación público-privada, un esforzo conxunto que, segundo salientou, conta agora cunha nova Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025. Esta folla de ruta, afondou, busca facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, e ten, como principais claves, a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.
“Programas como o Galicia Exporta Dixital contribúen á consecución destes obxectivos”, incidiu Guldrís, resaltando que, desde a súa posta en marcha, só na provincia da Coruña, esta liña ten permitido impulsar máis dun centenar de plans de internacionalización cunha achega próxima aos 4 millóns de euros.
Convocatoria aberta
O director do Igape lembrou que, nestes momentos, está aberta unha nova convocatoria do programa, cun importe de 4,4 millóns na procura de facilitar a adaptación das pemes ás necesidades provocadas pola pandemia da covid-19, contribuíndo así á súa reactivación e a mellora da competitividade no actual contexto.
“O obxectivo do Galicia Exporta Dixital é permitir ás nosas empresas apoiarse en ferramentas innovadoras para acceder aos mercados exteriores a través de novas canles de comercialización. Deste xeito, queremos facilitar os procesos de dixitalización internacional das compañías galegas”, afondou Guldrís.
Cun gasto subvencionable por empresa que oscilará entre os 18.000 e os 100.000 euros, este programa compleméntase coas liñas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, que teñen tamén aberto o período de presentación de solicitudes e que contan en conxunto cun orzamento de 7,5 millóns de euros para este 2022.