O Concello de Boqueixón informa de que o CFEA de Sergude acollerá unha xornada para reducir os accidentes co tractor. Será o martes 22 de marzo, de 16:00 a 18:00 horas, no salón de actos do CFEA Sergude (Lugar de Quián s/n). A entrada é libre e de balde ata completar aforo.
Trátase dunha iniciativa do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia que busca concienciar ás persoas usuarias dos tractores do risco de envorco e as súas consecuencias. Os accidentes con tractor son debidos principalmente pola ausencia de estrutura de protección e de cinto de seguridade ou ao non uso deles, ben por levar a estrutura pregada ou non levar o cinto abrochado. Por isto, a campaña incide na importancia da instalación de estruturas de protección e cinto de seguridade, así como no uso destes elementos.
Ademais, moitos dos sinistros co tractor non son considerados como accidente de traballo, xa que os sofren gran número de persoas maiores de 65 anos e nunha alta porcentaxe persoas con idades moito máis avanzadas.